POBRA> A plena luz do día, aproveitando ademais o peche do local ó mediodía.
Os amigos do alleo conseguiron entrar na perruquería María Valiño despois de romper esta fiestra, nun dos laterais do negocio. Unha vez dentro, levaron consigo todo o diñeiro que atoparon, ó redor duns 300 euros, de propinas e cambio.
Foi unha veciña que pasaba polo lugar a que alertou á propietaria. Dáse a circunstancia de que o negocio está apenas 50 metros do Concello, onde se sitúan os postos da Policía Local e a Garda Civil.
Trátase do primeiro roubo sufrido por esta perruquería dende a súa apertura, hai agora dez anos.
Aínda que preocupados porque esta situación vaia a máis, dende o Concello sinalan que se trata de algo puntual, e que a vila é un lugar seguro.
O rexedor destacou tamén o bo traballo que desenvolve a diario a Policía Local e a Garda Civil. Unha labor que se verá ademais mellorada coa ampliación do posto do Instituto Armado na localidade prevista para antes do verán.
Respecto ó roubo, a Garda Civil xa iniciou unha investigación para dar cos autores dos feitos. Aínda que polo de agora non se produciu detención algunha, en breve podería haber novidades, pois un dos cacos foi identificado.
Todo apunta a que se trataría dun veciño de Ribeira, ó que lle constan antecedentes anteriores por causas similares.











