As obras en Benito Corbal obrigan a reordenar o tráfico da zona

PONTEVEDRA> O inicio das obras na rúa Benito Corbal o vindeiro luns obrigará á reordenación do tráfico na zona. Para reducir os inconvenientes, o concello xa ten informado a veciños e comerciantes e recomenda evitar a circulación nesa área na medida do posible. Tamén se verá afectado o tráfico no barrio de Monte Porreiro a semana que vén, xa que se procederá ó peche de rúas para o seu asfaltado.

O vindeiro luns, 14 de xaneiro, comezan as obras de reforma da rúa Benito Corbal, coa consecuente afección ó tráfico tanto peonil coma rodado. Para poder acelerar os traballos a rúa permanecerá pechada, aínda que se permitirá o acceso a garaxes, servizos ou emerxencias.

A intervención, que se estenderá durante catro meses, realizarase en dúas fases. Na primeira, entre Sagasta e Blanco Porto, cambiarase o sentido de circulación das rúas Javier Puig, José Millán e Sagasta. A rúa Lepanto quedará pechada ó tráfico, agás para servizos e residentes.

Prohíbese o estacionamento en toda a zona afectada polas obras, e a rúa Lepanto cambiará de réxime fixo a servizos, para facilitar as actividades de residentes e comerciantes.

Na segunda fase obrarase entre Blanco Porto e Cobián Areal. Neste punto a rúa Lepanto xa se poderá abrir ó tráfico normal, e volverán a cambiar de dirección as rúas que na primeira fase inverteron o sentido.

Tamén se verá afectado o tráfico a partir do luns no barrio de Monte Porreiro, onde se está a rematar o soterramento da liña de alta tensión. O asfaltado de varias rúas levantadas por esta obra realizarase entre os días 14 e 18.

A intervención comezará pola rúa Portugal, que estará pechada o martes polo asfaltado da banda de circulación. Inverterase o sentido da rúa Francia. O mércores obrarase na rúa dos Campos, onde se regulará o tráfico con pasos alternativos. O xoves estará pechada a rúa da Pomba, dende a avenida de Lugo ata Santa Margarida. Recoméndase ós condutores evitar as rutas afectadas os distintos días.