O PSOE pontevedrés propón medidas para abaratar os alugueiros

PONTEVEDRA> O grupo socialista rexistrou esta mañá unha moción para debater no pleno municipal na que propón a adopción de medidas para abaratar o prezo dos alugueiros de vivenda. Aínda que recoñece que as competencias na materia pasan por todas as administracións, o PSOE pedirá ó concello que se implique no que consideran un dos problemas máis importantes para a veciñanza.

O PSOE pontevedrés considera que o alto custe do aluguer da vivenda está a supor un grave problema para os veciños da cidade, que chegan en moitos casos a destinar máis do 50% dos seus ingresos a este concepto.

Os socialista recoñecen que é un problema xeral no que ten que actuar en primeira instancia o goberno central, mediante a regulación do arrendamento, a fiscalidade e a actuación sobre as  vivendas turísticas.

Segundo Tino Fernández tamén teñen deberes no goberno autonómico. Pide que a Xunta de resposta ás listas de agarda de vivenda de promoción pública, que en Pontevedra supera o centenar de persoas.

Sobre as medidas que podería tomar o goberno municipal, que recollen na moción presentada, estarían a posta a disposición da Xunta de terreos para a construción de vivenda de promoción pública en réxime de aluguer ou a cesión a cooperativas.

Tamén se propón a creación dun parque municipal de vivendas para aluguer, a regulación e limitación das vivendas turísticas  ou a construción dunha residencia de estudantes. E piden ó goberno municipal que exerza presión sobre as outras administracións en relación con este tema.