Rafa Domínguez: ‘É hora de que o modelo urbano de Pontevedra chegue á súa periferia’

PONTEVEDRA>  O emprego, o transporte público e as parroquias serán os eixos da campaña do PP para facerse co bastón de mando de Pontevedra. A pouco máis de catro meses das eleccións, o candidato á alcaldía polos populares saca peito das máis de 50 reunións que mantivo con diferentes colectivos sociais e empresariais. Rafa Domínguez aproveita para cargar contra o alcalde Lores porque, segundo di, o BNG está sufrindo unha radicalización.

O candidato dos populares á alcaldía de Pontevedra di que o seu proxecto se define con dúas palabras: ilusión e diálogo. Rafa Domínguez asegura que despois de moito escoitar, o PP está preparado para toma-las rendas da cidade. O candidato á alcaldía presume das máis de 50 reunións mantidas con diferentes colectivos sociais e empresariais. Deses encontros, di, sacou unha conclusión: o emprego é prioritario.

Nun almorzo informativo, o líder local dos populares referiuse en varias ocasións á necesidade urxente de implantar un modelo efectivo de transporte público en Pontevedra que non só beneficie ó centro, senón que chegue tamén ás parroquias. Precisamente, a periferia de Pontevedra é outro dos grandes argumentos do candidato popular. Entende que é o momento de actuar en todas e cada unha das parroquias que circundan o núcleo urbano.

O candidato do PP aproveitou tamén para referirse ó que el considera a ‘radicalización’ de Lores. Entre outros aspectos, Domínguez salienta o anuncio do Bloque de concorrer ás eleccións europeas da man de Bildu e Esquerra.

Arroupando ó alcaldable, o presidente provincial do populares pontevedreses. Alfonso Rueda entende que a súa escolla como candidato foi unha excelente decisión. Rueda tamén aproveitou para marcar un obxectivo: ter tódolos candidatos e candidatas ás alcaldías da provincia no mes de febreiro. E apuntou que tanto en Pontevedra cidade, como no resto dos concellos, o obxectivo do PP é colleita-lo máximo apoio posible, sen pensar no que van conseguir os demais.