Pontevedra une catro probas de atletismo en pista nun mesmo circuíto

PONTEVEDRA> Pontevedra impulsa un circuito de atletismo en pista. O calendario contempla probas que xa existían, pero ás que agora se lles dá un formato común. A intención é ofrecer aos atletas probas oficiais para que poidan valorar os resultados dos seus adestramentos e, por outra banda, dar a coñecer este deporte dende o punto de vista competitivo. O circuito arrinca mañá mesmo co cuadraxésimo sétimo Trofeo Boa Vila.

O concello de Pontevedra e a Sociedade Ximnástica dan forma a un circuito de atletismo en pista. Un calendario que inclúe ata catro probas que xa se viñan celebrando pero que a partires de agora contarán cun formato común.

A cuadraxésimo sétima edición do Trofeo Boa Vila abrirá este calendario mañá mesmo. Seguiranlle o cuadraxésimo quinto Trofeo Sociedade Ximnástica Pontevedra o 19 de maio, o vixésimo sexto Trofeo Cidade de Pontevedra o 2 de xuño e o vixésimo segundo Memorial Celso Mariño o mércores 16 de xuño.

Nestas xornadas desenvolveranse diferentes modalidades atléticas de carreiras, saltos e lanzamentos, con probas para todas as idades e categorías. Comezarán ás 5 da tarde e rematarán ao redor das 9 e cuarto da noite.

Todas as probas celebraranse na pista de atletismo do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Participarán ao redor de 270 atletas por competición.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí