CCOO denuncia irregularidades na situación laboral dos bolseiros da Deputación

PONTEVEDRA> CCOO denunciou hoxe novamente que a Deputación de Pontevedra mantén coma bolseiros a persoas que están facendo un traballo de persoal laboral encuberto. O sindicato asesorará os traballadores que se atopen nesta situación, para que reclamen canto antes por irregularidades na súa situación laboral.

O secretario comarcal de CCOO afirmaba esta mañá que as persoas que forman parte do plan de prácticas laborais da Deputación de Pontevedra están facendo un traballo de persoal laboral encuberto. A acusación baséase nos datos extraídos de actas da Inspección de Traballo.

Dende a forza sindical, indican que a situación irregular afecta a 240 persoas e que a Inspección de Traballo xa ten convertido en indefinidos a 38 destes bolseiros. A Deputación tería que abonar 178.000 euros á Seguridade Social por estes contratos. Consideran que a Deputación, como administración que é, debería dar exemplo.

Comisións Obreiras anima a tódalas persoas que se atopen na mesma situación a que presenten unha demanda ante o Xulgado do Social ou a Inspección de traballo para que se lles recoñezan os seus dereitos.

O sindicato, pola súa banda, pedirá á Inspección que realice visitas onde aínda non o fixo e fará unha campaña de asesoramento gratuíto ós bolseiros.