Unha ruta pon en valor o arboreto do Campus de Pontevedra

PONTEVEDRA> O campus de Pontevedra pon en valor a súa riqueza arbórea cunha ruta de 2 quilómetros. Mediante unha aplicación móbil poderanse obter datos de máis de 350 árbores presentes na Xunqueira. O percorrido polo arboreto é unha iniciativa desenvolvida ó abeiro do proxecto Green Campus, que incide na defensa do medio ambiente e na educación ambiental.

A ruta do arboreto, presentada esta mañá, propón un percorrido de dous quilómetros polo campus da Xunqueira no que se poderán coñecer as características das 362 árbores presentes nas diferentes parcelas universitarias mediante unha base de datos en Google Maps.

A través de códigos QR, situados nos paneis informativos, poderase acceder a información como o nome científico, a familia ou a rexión de orixe de cada exemplar.

Dende a universidade destacan a aposta do campus de Pontevedra polo medio ambiente, a sustentabilidade e os espazos verdes.

A vicerreitoría traballa actualmente na elaboración dunha unidade didáctica que permita que esta ruta sirva tamén como ferramenta educativa para escolares.