PONTEVEDRA> Pontevedra acollerá o acto de entrega do Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa, que outorga o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. Este ano o galardoado é o galego José Precedo, de elDiario.es, que visitará a cidade o vindeiro 9 de maio para recoller o recoñecemento. O acto será na Casa Consistorial.
O vindeiro 9 de maio o xornalista galego José Precedo, de elDiario.es, recollerá en Pontevedra o Premio Xornalistas de Liberdade de Prensa. Con este galardón, convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, búscase recoñecer o seu papel en defensa do dereito ao segredo xornalístico ante o Tribunal Supremo. Foi no contexto do procedemento xudicial no que se investigou ao Fiscal Xeral do Estado.
A cita será a partires das 12 na Casa Consistorial e o galardoado xa confirmou a súa asistencia. Un acto que o Colexio profesional quere converter nunha festa do xornalismo.
Nos seus 22 anos de historia, esta é a primeira vez que o galardón, que recolle o legado do Premio José Couso, se entrega en Pontevedra.
Este ano as outras candidaturas presentadas foron a de Mary Bruce, correspondente xefa de ABC News na Casa Branca, e a organización Xornalistas de Nicaragua. En edicións anteriores, outros galardoados foron o Sindicato de Xornalistas Palestino, Defende a Galega, Julia Otero, Jordi Évole ou Wikileaks.











