Arranca a dobre campaña de vacinación contra a covid e a gripe para os maiores de 85 anos

PONTEVEDRA> Arranca a campaña de vacinación da cuarta dose contra a covid. Os vacinódromos reabriron hoxe as súas portas para os maiores de 85 anos, con máis facilidades, como cadeiras de rodas ou máis persoal de apoio. Ademais, quen o desexe pode aproveitar para poñer tamén a vacina contra a gripe. A xornada transcorreu sen incidencias en tódolos centros. Nós estivemos no de Campolongo, na cidade de Pontevedra.

A imaxe vólve repetirse neste edificio administrativo da Xunta de Campolongo, en Pontevedra, convertido de novo no principal vacinódromo da área sanitaria. Hoxe arrancou a dobre campaña de vacinación da cuarta dose da covid e a da gripe, para os maiores de 85 anos.

Atendende á franxa de idade, os vacinódromos contan con servizos como cadeiras de rodas ou máis persoal de apoio. Algo que agradecen os familiares que acompañan aos maiores.

O Sergas volve apostar por estes grandes recintos para esta campaña de vacinación. En Campolongo para hoxe había citadas máis de 1.300 persoas, mentres que no Fexdega de Vilagarcía convocaron a 400.

Os maiores, como nas tres doses anteriores, están sendo citados por SMS. Con todo, o xerente da área sanitaria indica que aqueles que non poidan acudir á cita terán oportunidade de vacinarse se queren: ben na repesca nos centros de saúde ou, nos casos que sexa preciso, a domicilio.

A campaña de vacinación non se detén na fin de semana. No caso de Pontevedra de luns a domingo terá lugar aquí en Campolongo, mentres que no caso de Vilagarcía, o vacinódromo estará instalado en Fexdega de luns a venres e no Hospital do Salnés na fin de semana.

No caso da área sanitaria de Santiago e O Barbanza establecéronse dous centros de referencia: o Hospital do Barbanza para os usuarios da súa área de influencia e a Cidade da Cultura, en Santiago, para o resto da poboación. No caso do hospital comarcal, nesta xornada na que comezou a campaña, foron convocados uns 400 veciños de máis de 85 anos.