Lantero levará aos tribunais o conflito urbanístico co concello de Vilagarcía

VILAGARCÍA>O conflito urbanístico pola antiga parcela de Lantero rematará nos xulgados. A empresa presentará un recurso contencioso-administrativo contra o concello de Vilagarcía para reclamar que incorporen o convenio asinado no 2004 no documento de inicio do PXOM. Naquel documento, Ravella comprometíase a converter en residencial o solo industrial da parcela. A cambio, Lantero trasladaba a súa fábria ao polígono do Pousadoiro. Quince anos despois, o compromiso segue sen cumprirse.

Quince anos despois da súa sinatura, o convenio que asinaron Lantero e o concello de Vilagarcía segue nun caixón. No acordo, a empresa comprometíase a mudar a parcela da avenida de Rosalía de Castro polo polígono do Pousadoiro. A cambio, Ravella modificaría no PXOM nun prazo de dous anos a cualificación dos terreos, de solo industrial a residencial.

O traslado supuxo un investimento de 43 millóns de euros para a empresa. Despois de tres corporacións que non levaron adiante a revisión do PXOM, o equipo de Alberto Varela si enviou a proposta de borrador á Xunta. Pero o documento non inclúe o convenio con Lantero. Por iso presentarán un contencioso-administrativo contra o concello.

Lantero asegura que só demandan a inclusión do convenio. Insisten en que non reclamará a responsabilidade patrimonial pola demora do proceso, e negan que a Xunta concluíra que as condicións de edificabilidade recollidas no acordo para a parcela non se axustan á Lei do Solo. Tamén negan as acusacións que aseguran que buscan un ‘pelotazo’ urbanístico.

A familia Lantero tampouco comprende que se adscriba aos seus terreos a parcela do Ramal que a Autoridade Portuaria quere vender para a construción dun hotel. E é que esta xestión reduce aínda máis a edificalidade do terreo da avenida Rosalía de Castro.

Ravella asegura que a Xunta rexeitou xa o convenio asinado no 2004.

Dende Ravella non tardaron en responder a este anuncio de Lantero. Dende o concello aseguran que a empresa está no seu dereito de presentar os recursos que considere, aínda que insisten en que a Xunta de Galicia rexeita o convenio asinado no 2004.

En nota de prensa, o goberno vilagarcián recorda que nos últimos 15 anos a Lei do Solo mudou ata en tres ocasións, e o propio executivo autonómico advertiu da imposibilidade de incluír o documento nas condicións que recolle na actualidade.

Aínda así, insisten en que na proposta do borrador do PXOM que o actual goberno presentou á Xunta, xa trataron de axustarse o máximo posible ao espírito daquel acordo; respectando, iso si, as diferenzas normativas que existen hoxe respecto das de 2004.

Segundo o equipo de Alberto Varela, a edificabilidade prevista para a parcela é un dos problemas que presenta o convenio, xa que a Xunta advertiu que é excesiva con respecto á que existe na súa contorna.

Ante esta situación, dende Ravella afirman que van velar polo interese xeral e que continuarán coa revisión do PXOM, e convidan á familia Lantero a presentar as alegacións que consideren no momento da aprobación inicial do Plan Xeral polo pleno.