Unha vintena de mozos culminan a súa formación no Obradoiro de Hostalaría do Salnés

SANXENXO> Rematou a novena edición do Obradoiro de Hostalaría  do Salnés. Despois de dar servizo a máis de 1200 comensais ó longo dos últimos nove meses, esta mañá os participantes recolleron os seus diplomas. A formación remata cun 90% de inserción laboral. Por esa razón, dende a Mancomunidade do Salnés valoran a posibilidade de aumenta-lo número de inscritos nos vindeiros anos

Aprenderon a cociñar, a servir, a prepara-los servizos e a facer que o cliente se sentise a gusto. A novena edición do Obradoiro de Hostalaría do Salnés chegou hoxe ó seu fin, coa entrega de diplomas á vintena de participantes.  Moitos deles non puideron asistir á entrega do recoñecemento porque xa atoparon traballo. E é que o período formativo rematou cun 90% de inserción laboral, unha cifra que leva ó responsable de turismo da Mancomunidade do Salnés a lanzar unha proposta á Xunta.

A formación recibida por este grupo de alumnos quere distinguirse pola calidade. Esa é, segundo o alcalde de Sanxenxo, a clave para que o turista que vén unha vez, acabe repetindo. Na mesma liña, o vicepresidente da Xunta. Alfonso Rueda salientou que Galicia precisa saber xestiona-lo turismo. Unha das claves para iso, segundo explicou, é dispoñer dun sector da hostalaría cada vez máis profesional.

O acto rematou cunha degustación culinaria servida polos propios alumnos que hoxe se despediron do obradoiro.