A Deputación leva a súa ‘Fame de experiencias’ a Fitur

MADRID> A posta en valor da enogastronomía centrou o paso da Deputación de Pontevedra por FITUR. A campaña ‘Fame de experiencias’ serviu tamén de recoñecemento ás persoas que se encargan de darlle valor ós recursos da nosa terra, dende os produtores dos viños de Rías Baixas ata os responsables dos establecementos con Estrela Michelín.

‘Fame de experiencias’ conquista Madrid, por saber e por sabor. A campaña turística da Deputación de Pontevedra centrouse este ano na calidade e variedade da enogastronomía da provincia, dende a costa ata o interior. Un destino, para a presidenta provincial, multiexperiencial.

Porque para a Deputación, as persoas son o mellor potencial da provincia de Pontevedra, algo que se demostra co seu bo facer.

A tradición atopámola por exemplo nas persoas que producen os nosos viños, que pescan nos noso mar ou que crían na nosa terra. Produtos, en definitiva, de calidade amparados por selos como a Denominación de Orixe Rías Baixas, as 4 denominacións de orixe protexida, as 10 indicacións xeográficas protexidas ou a ruta do viño rías baixas.