Pontevedra buscará coordinación coa Xunta no centro de alto rendemento de Cernadiñas Novas para evitar ‘duplicidades’

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra ve con bos ollos o proxecto da Xunta para converter o actual complexo de Cernadiñas Novas, en Santo André de Xeve, no primeiro centro de alto rendemento deportivo de Galicia. Onte o consello do goberno galego declaraba o interese autonómico do proxecto, ao que destinará ao redor de 30 millóns de euros. Esta mañá o alcalde pontevedrés anunciaba a súa intención de solicitar un encontro coa Xunta para evitar duplicidades entre esta instalación e outras que ten proxectadas o goberno municipal, como o pavillón da Parda.

A Xunta de Galicia escolle o complexo de Cernadiñas Novas, na parroquia pontevedresa de Santo André de Xeve, para instalar o primeiro centro de alto rendemento deportivo da comunidade. Destinará máis de 30 millóns de euros a este proxecto, que onte foi declarado de interese autonómico polo goberno galego.

Este centro de alto rendemento sería o terceiro de todo o Estado, cunha superficie duns 120.000 metros cadrados. Nun módulo cuberto acollerá equipamentos para deportes como o bádminton, ximnasia, deportes de combate, baile deportivo, escalada, esgrima ou atletismo. No exterior, están programados circuítos para BMX, BTT ou skate.

A intención é integrar a nova instalación co Centro Galego de Tecnificación Deportiva, situado en pleno centro de Pontevedra. Algo que ten sentido para o concello, que ve con bos ollos a decisión do goberno galego.

Fernández Lores explicou que agarda manter unha reunión co goberno da Xunta para coordinar a colaboración. Tamén para traballar xuntos de cara a evitar duplicidades entre esta instalación e outras que ten proxectadas o goberno municipal, como o pavillón da Parda. Estaba previsto que esta infraestrutura acollera disciplinas como escalada e ximnasia.

Dende a Xunta explican que a aposta por este ambicioso proxecto vén dada polo incremento do alto nivel deportivo en Galicia, que se multiplicou case por cinco dende o 2011, pasando de 300 a 1.500 deportistas.