PONTEVEDRA> O PP de Pontevedra criticou esta mañá a proposta para o transporte público exposta onte polo Concello e que levará á reunión técnica coa Xunta prevista para a semana que vén. Rafa Domínguez considera unha “chapuza” o plan do goberno local e pide autobuses para o rural.
O voceiro do Partido Popular en Pontevedra compareceu esta mañá en rolda de prensa para opinar sobre a proposta sobre o transporte público para a cidade que o concello presentará ante a Xunta na reunión técnica fixada para a vindeira semana. Segundo Rafa Domínguez, só se pode cualificar de “chapuza”.
O popular asegurou que hai preguntas sen resolver sobre o transporte que proxecta o Concello. Insistiu en que Pontevedra é a cidade de Galicia que menos inviste en transporte público.
Sobre a súa proposta, Rafa Domínguez indicou que debería facerse con autobuses, e que o servizo baixo demanda podería ser como moito un complemento.
Aínda que considera positivo que o Concello se reúna coa Xunta, ve inviable o plan que propón o goberno local.