BOIRO> Novo episodio de agresión a un vixilante de Cabo de Cruz por parte dun furtivo. Desta volta, o gardapescas foi golpeado cunha pedra que lle ocasionou diversas lesións. Dende a confraría denuncian a inseguridade dos profesionais ante o incremento de episodios violentos.
Pasadas as festas do Nadal, as autorizacións da confraría de Cabo de Cruz están a rexistrar un repunte do furtivismo. A diaria, prodúcense situacións de tensión entre vixilantes e furtivos que rematan e ameazas ou mesmo agresións como a acontecida esta mesma semana.
Dende a confraría denuncian que a situación se está a volver insostible a pesar de que nas últimas semana se incrementou a presenza das forzas de seguridade nos areais, con apoio da policía autonómica e da garda civil.
Á situación de risco para os vixilantes hai que engadir o dano que provocan os furtivos sobre a produción marisqueira posto que, ademais de marisco de talla comercial, soen levar tamén a cría.
Segundo o patrón maior crucense, a situación non ten unha solución doada. Ademais de incrementar o número de vixilantes, na actualidade contan con oito, entenden que se deberían endurecer as sancións e artellar programas de reinserción social para sacar ós furtivos das praias.