PONTEVEDRA> Pontevedra recupera este domingo o programa Ponteandadas como unha iniciativa máis da Vida é Movernos. Dende esta fin de semana e ata o mes de novembro desenvolveranse cinco andainas, cada unha con 200 participantes como máximo. Terán un percorrido medio de 10 quilómetros con dificultade baixa, para que sexan accesibles para todo o mundo.
Cinco andainas de dificultade baixa e duns 10 quilómetros cada unha é a proposta de Ponteandadas no seu retorno á oferta de actividades do concello de Pontevedra.
Volven da man do programa ‘A Vida é Movernos’. A primeira será este domingo, pola zona de Bora e Mourente. As seguintes serán os días 10 e 24 de outubro e 7 e 21 de novembro, e levarán aos participantes por Salcedo-Cabana, o Monte da Fracha, o Pontillón de Castro e o Parque Forestal da Tomba, respectivamente.
Nas rutas poderán participar un máximo de 200 persoas, que sairán en grupos de 20 guiados por un monitor. Os percorridos son todos circulares e a saída será ás 10 da mañá para rematar ás 2 do mediodía.
Os interesados en participar xa poden inscribirse no correo electrónico ponteandadas@gmail.com, no whatsapp 624 482 636 ou na páxina de Facebook do concello de Pontevedra.