PONTEVEDRA> A Plataforma veciñal Non Crematorios cre que a resolución do Supremo que anula a normativa municipal que limitaba a instalación destes locais no centro urbano pon de manifesto a mala xestión do Concello. Manteñen a súa oposición contra o proxecto de crematorio na Parda que, segundo lembran, estaba excluído da restrición establecida naquela modificación do PXOM que o Alto Tribunal vén de deixar sen valor.
O colectivo veciñal Non Crematorios continuará a súa loita contra a instalación prevista xunto ó cemiterio de San Mauro que estaría moi preto dos seus fogares. Lembremos que no seu momento presentaron un recurso xudicial contra a normativa municipal que establecía unha franxa mínima de 50 metros con respecto ás vivendas, que supuxo a súa anulación por parte do TSXG, agora ratificada polo Tribunal Supremo. Segundo a plataforma aquela normativa non protexía igual a tódolos cidadáns.
A sentenza pon de manifesto ademais, segundo a plataforma, que a normativa do Concello non era adecuada dende o punto de vista medioambiental.
Sobre o anuncio do goberno local sobre a paralización das licencias no caso de que haxa solicitudes para abrir crematorios no centro urbano, o colectivo veciñal insiste en que, pola contra, non se está a facer nada para evitar a instalación da Parda.
A plataforma Non Crematorios considera que o Concello debería sentarse a dialogar con eles. Mentres, manterán as súas protestas quincenais na Parda e tomarán as medidas necesarias, incluso xudiciais, para impedir a instalación do crematorio de San Mauro.