Poio reduce o PoioEscena para mellorar a calidade do ciclo teatral

POIO> Poio remodela o seu PoioEscena Encontros de Teatro Afeccionado. Para este 2019, a cita reducirá a súa duración ata as seis representacións, que serán seleccionadas por un comité. A intención é contar con máis orzamento para mellorar a calidade das obras, que seguirán sendo de teatro en galego.

Poio dá un xiro ao seu PoioEscena. O concello mantén a súa aposta polo teatro afeccionado en galego, pero apostando pola profesionalización e a calidade das obras programadas.

Con este obxectivo, os organizadores reducen á metade a programación. Así, pasan de doce a seis obras, que se representarán entre os meses de abril a setembro, repartidas entre espazos abertos e pechados do concello das parroquias de Combarro, Samieira e Raxó.

Tamén inclúen unha gala do teatro, que se celebrará en decembro, e na que haberá outra novidade: a entrega do premio Xerardo Moscoso.

Ata o vindeiro 1 de marzo estará aberto o prazo para que as compañías teatrais presenten as súas propostas. Un comité formado por representantes de todas as entidades organizadoras será o encargado de escoller as obras que formarán parte da programación.