O PP presenta un paquete de medidas para axudar ó comercio local

PONTEVEDRA> O candidato do PP á alcaldía, avanzou esta mañá as súas propostas para o comercio local. Rafa Domínguez presentou un paquete de sete medidas entre as que destacou a baixada de impostos. Outras estarían relacionadas coa mobilidade próxima e o financiamento. Aposta tamén pola creación dun Banco de Baixos e unha Oficina do Comerciante.

O PP de Pontevedra explicou esta mañá as súas propostas para axudar ó desenvolvemento e sustentabilidade do comercio local. Trátase de medidas agrupadas en sete áreas, entre as que o voceiro popular destacou as impositivas.

Tamén propoñen actuar sobre a mobilidade próxima para achegar ó consumidor ó comercio local. Para iso apostan pola implantación do transporte urbano e o metropolitano; a creación e mellora de aparcadoiros disuasorios, descontos nos parkings da cidade ou o incremento do tempo de estacionamento.

A proposta tamén inclúe oferta de formación sobre temáticas como escaparatismo, contabilidade ou novas tecnoloxías; e medidas de emprendemento e posicionamento dixital.

Para a promoción propoñen continuar e mellorar o camiño emprendido polo Concello nesta materia.

Apostan ademais pola creación de axudas para a accesibilidade, modernización e reforma, e a creación dun Banco de Baixos.

A última das medidas sería a creación da Oficina do Comerciante, para axudar cos trámites administrativos, reducir os tempos de agarda para obter licencias e informar sobre captación de fondos e subvencións.