A Mancomunidade do Salnés asina un convenio con NorthMarinas

CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés continúa buscando vías que permitan promover a comarca e atraer un maior número de turistas a mesma. Esta mañá, na sede de Exposalnés o presidente da entidade asinou un convenio de colaboración con “NorthMarinas”, unha organización que promove a ruta do Camiño de Santiago por mar dende Hondarribia, no País Vasco, en embarcacións de vela, e que na súa IV edición que remataría no porto de Vilanova.
NorthMarinas é unha asociación de portos deportivos que inclúe os portos do norte de España: Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia. Dende a entidade organizan a IV edición da travesía “Navega o Camiño” que rematará no porto de Vilanova como antesala a chegada a Compostela. Por iso esta mañá membros da Mancomunidade do Salnés e de esta organización asinaron un convenio de colaboración.
A travesía será de 15 etapas por mar, nas que se dorme en porto todos os días e na que se gozará de visitas turísticas e culturais, nas que ademais se aproveitará para selar a credencial “Compostela” que acredita a realización do Camiño. Nesta edición calculan que participen unhas 40 embarcacións.
Dende a Mancomunidade destacan a importancia de este convenio, que é unha nova oportunidade para continuar na senda da promoción da Traslatio de cara ao Xacobeo 2021.
Sen dúbida dende a Mancomunidade séguese a apostar por iniciativas que promoven a posta en valor da bisbarra do Salnés e todos os seus recursos e servizos.