“O alcalde de Pontevedra quere secuestrar aos veciños de Poio co peche da Ponte da Barca”

POIO > A Ponte da Barca xa conta cun carril único. Dende hoxe ata finais de marzo, o tráfico estará cortado dende as dez da mañá ata as oito da tarde e só se poderá circular dende Pontevedra cara Poio. Unha medida coa que non está de acordo o Partido Popular.

O voceiro do Partido Popular no Concello de Poio expresou esta mañá a súa preocupación polo corte do tráfico na Ponte da Barca e asegurou que foi unha decisión que o alcalde de Pontevedra podería haber evitado.

Ángel Moldes afirmou que as queixas polos ruídos nocturnos das obras eran dos veciños da Boa Vila, pero que non ocorría o mesmo no lado de Poio.

O voceiro do Partido Popular explicou que este corte perxudica a miles de veciños que teñen que entrar en Pontevedra diariamente.

Moldes tamén expresou o seu malestar pola pasividade mostrada polo alcalde de Poio.

A pesar das queixas veciñais, o corte ao tráfico, que foi anunciado a semana pasada pola Xunta de Galicia, alargarase ata que conclúan as obras, é dicir, ata finais de marzo.