Os veciños do Burgo terán un novo centro social en Pasarón

PONTEVEDRA > Os veciños do Burgo levan moitos anos pedindo un centro social que teña unhas condicións dignas, e parece que xa queda moi pouco tempo para que o consigan. O alcalde visitou esta mañá o espazo que acollerá nos próximos meses o novo local, que estará situado na zona sur do estadio municipal de Pasarón.

Xa queda menos para poder ver o novo local social do Burgo rematado. Os veciños  levaban moito tempo pedindo unhas instalacións con boas condicións. O alcalde e o concelleiro de obras visitaron esta mañá o espazo que acollerá o novo centro e mostráronse moi satisfeitos coa súa evolución.

A asociación contará cun espazo de 300 metros cadrados onde se instalará unha cociña, varios despachos, catro aulas, unha zona de estancia e aseos. Este proxecto pretende dar cobertura a todas as actividades do colectivo, que conta actualmente con máis de 700 persoas inscritas.

Con estas obras, ampliaranse tamén os almacéns que darán servizo ao concello e ao centro social, instalarase un ascensor e resolveranse outros problemas que quedaron pendentes no estadio municipal de Pasarón. Iso si, cabe recordar que o centro social non terá acceso directo ao campo, de modo que ambos recintos serán independentes.

As obras, que terán un custe de máis de 600 mil euros, están previstas que rematen a principios de maio. Un centro social que a pesar de que chega un pouco máis tarde do previsto, como asegura o presidente da asociación, “penso que o noso soño vaise cumprir”.