CATOIRA> Tráxico accidente en Catoira. Este mediodía un veciño de Valga de 66 anos falecía arroiado por un tren, á altura dun dos pasos a niveis sen barreira que existen no concello. Segundo os servizos de emerxencias, o home estaba a cortar leña nunha leira próxima ás vías cando se produciu o suceso.
Ao redor das 2 e media do mediodía dábase a voz de alarma. Un tren que circulaba dirección Santiago arroiara un home ao seu paso por Catoira.
O falecido era natural deste concello, aínda que había anos que residía en Valga. Tiña 66 anos e no momento do accidente estaba a cortar leña nunha leira próxima ás vías. O treito no que se produciu o sinistro é en curva, e une Vilagarcía e Pontecesures.
Aínda se descoñece que foi o que desencadeou o tráxico accidente. Segundo relatou o maquinista aos servizos de emerxencias, no momento do sinistro a vítima estaba a transportar un tronco nunha carreta. Ao ver que o tren se achegaba, non se moveu, polo que se dubida se lle puido quedar atrapado un pé ou non foi quen de reaccionar.
Ademais do tren implicado no accidente, Renfe tivo que desviar dous máis polo Corredor Atlántico. Tamén anulouse a conexión Vilagarcía-Santiago, obrigando a trasladar aos usuarios ata Santiago en autobús.
Comments are closed.