O PSOE xerará itinerarios máis seguros para as persoas con discapacidade

PONTEVEDRA> O candidato socialista a Alcaldía de Pontevedra reuniuse esta mañá co director do Centro de Recursos Educativos da Once. O encontro serviu para analizar a sentencia do Tribunal Supremo que prohibe instalar terrazas pegadas ás fachadas. Pero tamén, para que o PSOE presentase un paquete de medidas para xerar itinerarios máis seguros para as persoas con discapacidade.

O modelo urbano de Pontevedra ten, segundo o Partido Socialista, moitas asignaturas pendentes no que atinxe ás persoas con discapacidade visual. Por iso, esta mañá Tino Fernández reuniuse co director do Centro de Recursos Educativos da Once para falar de tres cuestións fundamentais.  A primeira a necesidade de implantar semáforos dotados de sinais acústicas na cidade.

Outro dos temas abordados esta mañá foi a recente decisión do Tribunal Supremo de prohibir a instalación de terrazas xunto ás fachadas dos edificios. Polo tanto, o itinerario peonil debe discorrer en paralelo ás fachadas, coa finalidade de que as persoas con discapacidade visual dispoñan dunha referencia para orientarse.

Ademais, os vehículos que non fan ruído, entre eles os patinetes e as bicicletas, supoñen tamén un gran problema para as persoas con discapacidade visual.

Deste xeito, Tino Fernández comprometeuse coa Once en crear itinerarios máis seguros na cidade para as persoas con discapacidade, e regular así, o tránsito de bicicletas e patinetes.