O pleno de Pontevedra aproba esixir diálogo para reformular o PIA de San Amaro

PONTEVEDRA> O pleno do concello de Pontevedra aproba esixir compensacións xustas e diálogo cos afectados polo PIA de San Amaro. Os votos a favor de PSOE e Partido Popular sacaron adiante unha moción dos socialistas. Defenden que este é o momento de dialogar cos veciños e que non suporía retrasar o proxecto. O BNG optou pola abstención porque consideran que con isto se paraliza a construción de vivenda pública en Pontevedra.

O proxecto de interese autonómico que plantexa a construción de máis de 2.000 vivendas públicas en San Amaro arrancou sen dialogar cos veciños afectados. É a principal crítica que recolle o PSOE na moción que hoxe presentou no pleno pontevedrés.

Puentes defendeu que o texto non pide a paralización do proxecto. O que reclaman é que concello e Xunta se reúnan cos afectados para estudar posibles cambios no ámbito de actuación. Tamén acordar compensacións xustas.

Para o BNG, o texto da moción socialista supón retrotraer o PIA a dous anos atrás e recordou que o proxecto foi aprobado por unanimidade no pleno. Así as cousas, asegurou que o goberno local apoia a reclamación de conseguir indemnizacións xustas para os afectados.

Pola súa banda, o Partido Popular sinalou a falta dun PXOM actualizado como a orixe deste problema e da falta de vivenda en Pontevedra. Domínguez defendeu ademais a xestión da conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue.

Finalmente, a moción saíu adiante cos votos a favor de PSOE e Partido Popular. O BNG optou pola abstención.