As obras de Benito Corbal poderían rematar en dous meses

PONTEVEDRA> O alcalde visitou esta mañá as obras de Benito Corbal para asegurarse de primeira man dos avances que se están producindo nunha das arterias máis importantes da cidade. Ademais, Lores asegurou que estas reparacións non prexudicarán a celebración do Entroido pontevedrés.

As obras de Benito Corbal non serán un impedimento para que o Entroido pontevedrés sexa todo un éxito. O alcalde de Pontevedra achegouse esta mañá a rúa do centro da cidade para comprobar que todo avanza segundo o planeado.

Os traballos de reparación dunha das rúas principais da Boa Vila consistiron en ampliar as beirarrúas 1 metro 20 de cada lado, en eliminar unha zona de aparcamento libre e poñer un aparcamento de servizos na marxe dereita da vía en dirección ó centro da cidade. Unha obra necesaria segundo o alcalde e moi demandada polos comerciantes.

Esta visita podería ser a última que fai o alcalde antes das eleccións xa que, como indica a lei, non se poden realizar inauguracións ou facer balances das obras dende a convocatoria dunha cita electoral, é dicir, a partir do 4 de marzo. Sen embargo,o alcalde asegurou esta mañá que seguirá visitando as reformas que considere oportunas.

Cando as reformas de Benito Corbal rematen, o Concello continuará coas da rúa Lepanto que están xa adxudicadas. Polo tanto, o goberno local estima que as obras nesta zona estarán finalizadas no mes de maio.

Comments are closed.