O PP esixe “un plan de desratización e un bo servizo de recollida de residuos”

PONTEVEDRA> O Partido Popular denunciou esta mañá a falta de limpeza que está vivindo Pontevedra. Rafa Domínguez asegurou que a cidade non se pode permitir que nos meses de maior afluencia de turistas, haxa problemas de sucidade. Por iso, o voceiro popular esixiulle ao Concello que leve a cabo un plan de desratización e que mellore o servizo de recollida de residuos.

Din que unha imaxe vale máis que mil palabras e por iso, esta mañá o Partido Popular quixo mostrar vídeos e fotografías que demostran a presenza de roedores en Pontevedra. Rafa Domínguez cre que o goberno municipal está máis preocupado no compost que na limpeza da cidade e por iso esixe ao Concello un plan de desratización urxente.

O Partido Popular cre que estas imaxes son o claro exemplo de que o servizo de recollida non está funcionando. Por iso, Rafa Domínguez insiste na necesidade de eliminar os colectores do centro e mellorar o servizo de recollida.

O goberno municipal non pasou por alto estas declaracións. Anabel Gulías quixo deixar claro que o Concello leva a cabo campañas de desratización ao longo de todo o ano.

Os populares recordaron tamén que o contrato de recollida de lixo en Pontevedra expira no ano 2021 e incide na necesidade de melloralo canto antes para que os veciños e os turistas non teñan que volver a ver imaxes coma estas.