Pontevedra censa máis de 800 gatos nas rúas do municipio que sobreviven atendidos por voluntarios

PONTEVEDRA> Pontevedra pon o foco no control das colonias felinas da cidade. Coa colaboración das asociacións de voluntarios que alimentan e controlan aos gatos que hai nas rúas, a concellería de Benestar Animal contabilizou 103 colonias, nas que viven un total de 811 felinos. A intención do concello é avanzar para mellorar a súa atención que actualmente recae, gastos incluídos, en asociacións como Difusión Felina e Huellas Felinas.

811 gatos viven na actualidade nas rúas do concello de Pontevedra. Están repartidos en 103 colonias, de cuxo coidado se encargan ao redor de medio cento de voluntarios.

Trátase do primeiro censo de colonias felinas que se elabora en Pontevedra. O traballo estivo coordinado pola asociación Difusión Felina, que contou coa colaboración de Huellas Felinas, Adopciones Galicia e Galgos 112.

Con estes datos sobre a mesa, as asociacións reclaman unha maior implicación do goberno local para controlar e coidar estes animais. Actualmente son elas as que asumen o traballo e os gastos que conleva esta atención.

No marco do plan CES de captura, esterilización e solta dos gatos da rúa, o concello de Pontevedra fixo unha achega de 16.000 euros este ano e castráronse 150 gatos. Pero o compromiso é avanzar para mellorar a atención das colonias.

Un dos pasos que darán proximamente é a entrega de carnés para os voluntarios que alimentan e controlan ás colonias, de xeito que a súa tarefa estea protexida no marco da Lei de Benestar Animal da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí