Continúan as labores para a retirada do trimarán encallado na Ladeira

RIBEIRA> En Ribeira continúa o operativo para a retirada do trimarán ‘Interaction’ que encallaba hai uns días na praia de Ladeira, en Corrubedo.

A embarcación participaba na regata ‘A Ruta do Ron’, unha proba de carácter internacional en solitario, que se fai sen escalas e sen asistencia, dende a Bretaña francesa ata as Antillas.

O barco tivo un fallo de motor e acabou varado no areal. O seu único tripulante, de nacionalidade francesa, foi rescatado san e salvo polo Helimer.

Agora Capitanía Marítima de Vilagarcía espera o plan de retirada da embarcación, que deberán custear tanto o propietario do barco como a súa aseguradora.

Dúas son as principais opcións que se barallan. Ou ben que sexa remolcado por mar, ou que sexa retirado por terra. Esta última é, ó parecer, agora, a proposta máis idónea, xa que a embarcación presenta danos importantes na súa estrutura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí