Os hoteis de Pontevedra quédanse sen prazas dispoñibles para o mundial de tríatlon

PONTEVEDRA> O inicio do mes de abril trae boas noticias para o sector hostaleiro de Pontevedra. A Semana Santa e a celebración do Mundial de Tríatlon xerarán máis postos de traballo nos hoteis e nos restaurantes da cidade. De feito, a Boa Vila xa non ten prazas hoteleiras para facer fronte a gran demanda de visitantes que se esperan neste mes.

A maioría dos hoteis da cidade tiveron que colgar xa o cartel de completo. Os motivos, a Semana Santa e o Mundial de Tríatlon. Dúas celebracións que fan que as demandas no sector turístico se disparen.

Co ITU Multisport chegarán a Pontevedra máis de catro mil deportistas de diferentes partes do mundo. Un feito que provoca o incremento das ofertas de emprego no sector da hostalería.

Pontevedra acollerá, do 26 de abril ao 4 de maio, a gran festa do deporte, algo que axudará tamén a promoción internacional da cidade.

Cos hoteis sen prazas hoteleiras dispoñibles e co incremento das ofertas de emprego, agora soamente queda que o refrán de “en abril augas mil” non se cumpra e o bo tempo deixe aos visitantes desfrutar do encanto da cidade.