O concello de Pontevedra advirte: a permanencia de ENCE é incompatible co abastecemento de auga

PONTEVEDRA> No concello de Pontevedra preocupa, e moito, a situación do río Lérez. O goberno local advirte de que non é compatible a captación de auga de ENCE co abastecemento á poboación. De feito, non desbotan que nunhas semanas haxa que botar man do encoro do Pontillón do Castro.

No concello de Pontevedra, levan un tempo advertindo da rapidez á que estaba baixando o caudal do río Lérez. Situación que acelerou esta semana. Segundo as medicións municipais e da empresa concesionaria, este xoves o nivel mínimo é de 0,87 metros cúbicos por segundo e o mércores foi de 1,04. O caudal mínimo debería ser de 1,55.

Estes datos levaron á Xunta a solicitar a ENCE que parara a súa actividade. Segundo Da Silva,o abastecemento da poboación é prioritario e incompatible co consumo da pasteira.

A día de hoxe, ENCE recoñece que consume 12 millóns de metros cúbicos por ano, aínda que pola súa concesión podería chegar ata os 17 millóns. Cifra que triplica o que captan do Lérez todos os municipios que se abastecen del: Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo e Bueu.

Dende Pontevedra fan tamén un chamamento aos outros concellos que se abastecen do Lérez. É necesario tomar medidas de aforro de auga e tamén revisar os rendementos das súas redes de subministro para evitar perdas. No 2020, o rendemento de Sanxenxo era do 63,3% mentres que o da capital é do 91,81%. Segundo a normativa, non pode baixar do 80%.

Da Silva tamén pediu á cidadanía que eviten o despilfarro de auga. A vindeira semana, o concello publicará un bando municipal con recomendacións e tamén prohibicións no caso de seca extrema. De prolongarse esta situación, non desbotan ter que recorrer ao encoro do Pontillón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí