O BNG presenta unha candidatura para ‘devolver a voz’ a Galicia no Congreso

CAMBADOS> O Salnés estará representado na candidatura do BNG de Pontevedra ao Congreso dos deputados. A cambadesa María José Cacabelos ocupará o posto número 6 na listaxe que encabeza Carme da Silva. Dende a Torre de San Sadurniño a formación defendeu a proposta nacionalista como a única opción para que Galicia teña voz propia en Madrid.

Defender os intereses de Galicia en Madrid. Esta é a promesa que resume a proposta do Bloque Nacionalista Galego na súa candidatura para as eleccións xerais do 28 de abril.

A líder da candidatura, Carme da Silva, asegurou que hai temas imprescindibles para Galicia que quedan fóra do debate no Congreso: as cotas da pesca, a situación das infraestruturas como a Nacional 640 ou a praza de abastos de Cambados, son algúns dos exemplos da importancia de que exista unha axenda propia.

Nesta listaxe dos nacionalistas pola provincia de Pontevedra tamén está representada a comarca do Salnés. A cambadesa María José Cacabelos ocupa o número 6.

David Otero de Sanxenxo, Marta Ferreiro de Vilagarcía e David Torres do Grove son outros salinienses que figuran na candidatura como suplentes.