Gonzalo Pita renuncia á súa acta de concelleiro e asegura que estará onde SAL decida

SANXENXO> Gonzalo Pita, o que fora alcalde de Sanxenxo con SAL, renuncia á única acta que a formación logrou nas pasadas eleccións municipais. Di que marcha satisfeito co traballo feito e coas decisión tomadas, pensando sempre, di, no mellor para os veciños. O seu posto vaino ocupar o número 3 da lista, Suso Sueiro.

Tras 8 anos no mundo da política, catro na oposición, dous de alcalde e os últimos dous como tenente de alcalde de Telmo Martín, Gonzalo Pita renuncia a continuar sentado no Pleno sanxenxino. O ata o de agora líder de SAL non vai tomar posesión da única acta que a formación colleitou nas pasadas municipais. O seu lugar vaino ocupar o número tres da candidatura liberal, Suso Sueiro.

Pita di marchar satisfeito co traballo feito. Durante a súa etapa no goberno asegura ter tomado decisións complicadas. Matiza que todas elas foron sempre pensando no ben de Sanxenxo.

No 2015, SAL fixérase con 4 concelleiros. Nas pasadas elecións do 26 de maio, a formación quedou cun único edil. Recoñece que deixar a alcaldía e entregarlle o bastón de mando a Telmo Martín hai agora dous anos pasoulles factura.

Gonzalo Pita, nesta nova etapa, ponse a disposición do seu partido. Di que a partir de agora estará alí onde decidan os seus compañeiros.