Máis de 70 partidos dispútanse as alcaldías do Salnés e Ulla-Umia

SALNÉS/CALDAS> Pistoletazo de saída oficial á carreira cara as eleccións municipais. Na media noite, a tradicional pegada de carteis inaugurou o arranque desta nova campaña, que chega tan só unha semana despois dos comicios xerais. Setenta e dúas candidaturas son as que concorrerán a esta cita coas urnas no Salnés e Ulla-Umia.

Coa simbólica pegada de carteis desta medianoite, os partidos políticos lánzanse á carreira da campaña destas eleccións municipais. Setenta e dúas candidaturas concorren a estes comicios nos concellos do Salnés e Ulla-Umia, con moitas papeletas de formacións novas que se unen aos partidos tradicionais.

Vilagarcía e Sanxenxo son as vilas con máis alcaldables, con oito formacións que optan a conseguir a confianza dos seus veciños e co socialista Alberto Varela e o popular Telmo Martín optando á reelección. Tamén hai novidades respecto do 2015. En ambos concellos estréase Ciudadanos. Ademais, a capital arousá é o único concello da comarca no que VOX presenta candidatura. No caso sanxenxino, destaca a volta á política da que fora alcaldesa co Partido Popular, Catalina González, á fronte de Xuntos por Sanxenxo.

Outras novidades políticas para a comarca serán a papeleta de Ciudadanos en Cambados, encabezada por Sergio Abal, e a irrupción dunha nova formación en Meis: Independientes por Meis, liderada por Serafín Melón.

En Barro tamén haberá nova listaxe, a da agrupación de electores Plan Barro, coñecida como Plan B, mentres que as Mareas estrearanse en Valga con Valga Viva. En Portas, os veciños poderán escoller desta volta a papeleta do Partido Socialista, que no 2015 decidira fundirse nas siglas do BNG.