O gastroespazo do Mercado de Abastos podería abrir as súas portas no mes de xuño

PONTEVEDRA> O gastroespazo do primeiro andar do Mercado de Abastos podería ser nunha realidade no mes de xuño. Así o confirmou esta mañá a concelleira de Promoción Económica. Anabel Gulías explicou que soamente quedan 13 postos baleiros e que a cantidade ofertada polas empresas interesadas ascende a 17.000 euros.

O Concello abriu xa os sobres coas ofertas económicas para os postos do primeiro andar do Praza de Abastos. Uns sobres que contiñan 13 solicitudes e que suporán a ocupación de 23 postos. A cantidade ofertada polas empresas e as persoas interesadas ascendeu ata os 17.000 euros anuais.

Tras as adxudicacións dos postos, o primeiro andar do mercado disporía de 13 postos baleiros, para os cales, o Concello está barallando diversas alternativas. Aínda que a partir do mes de setembro podería realizarse unha nova licitación dos postos vacantes.

Outra idea para os postos libres sería a creación dun rincón de chefs.

Anabel Gulías adiantou que o goberno municipal manterá diferentes reunións coas empresas interesadas para avanzar o máis rápido posible no proxecto e para que o gastroespazo do primeiro andar do Mercado de Abastos abra as súas portas no mes de xuño.