PONTEVEDRA> A atención aos concellos, o turismo internacional e o apoio á imaxe de Pontevedra como a provincia do deporte, son algúns dos obxectivos que se fixa a Deputación pontevedresa para o 2026. O presidente Luis López presentou esta mañá os obxectivos e retos do seu goberno cara este novo ano, entre os que figura superar as 1.400 actuacións na provincia. Avanzar na Vía Verde entre Soutomaior e Pontevedra e defender a transferencia e gratuidade da AP9, son outros dos retos de López para os vindeiros meses.
A Deputación de Pontevedra arranca o 2026 fixándose obxectivos para o novo ano. Unha axenda na que o apoio aos 61 concellos da provincia será, segundo Luis López, a prioridade para o seu executivo.
O turismo tamén figura na axenda do goberno provincial. Neste eido a meta está clara: reforzar a acollida de turistas internacionais.
Outro dos piares da política da Deputación neste 2026 pasa por afianzar a imaxe de Pontevedra como a provincia do deporte. Así, a intención é que o territorio poida acoller novos eventos deportivos de carácter global.
Avanzar na rehabilitación de Santa Clara e dos Edificios Centrais do Museo son outras das cuestións que a Deputación mete na súa axenda. Sen perder de vista outras metas como defender a transferencia e a gratuidade da AP9 ou poñer en marcha o proxecto da Vía Verde entre Soutomaior e Pontevedra.
No eido da acción comunitaria, os obxectivos pasan por superar o milleiro de colectivos atendidos e os 11 millóns de euros repartidos na primeira metade do mandato, mentres que en benestar social vaise facer realidade o investimento de 5,7 millóns en Príncipe Felipe. Tamén está reservada unha partida de case 40 millóns de euros para manter a rede viaria.











