PONTEVEDRA> O Partido Popular de Pontevedra aínda está en plena celebración polos resultados que conseguiron na xornada electoral do pasado do domingo. Un momento doce no que, aseguran, non toca decidir quen presidirá a Deputación provincial despois de que a formación se fixera coa maioría absoluta nesta corporación. En xullo o PP recuperará o seu goberno despois de oito anos de bipartito PSdeG-BNG.
A celebración dos resultados das eleccións municipais aínda non rematou no Partido Popular de Pontevedra. A formación celebrou onte a executiva provincial encabezada polo seu líder galego, Alfonso Rueda.
Agora o PP prepárase para recuperar a presidencia da Deputación de Pontevedra. A maioría absoluta conseguida na corporación trala xornada electoral do domingo permítelle rematar con oito anos de goberno PSdeG-BNG.
Do que non quixo falar Rueda foi de quen será a persoa encargada de pilotar esta nova etapa na Deputación. Sonan varios nomes, como a candidata do PP de Vigo, Marta Fernández-Tapias, ou Luisa Piñeiro, secretaria xeral provincial. Pero o líder galego emprazou esta decisión a despois da constitución das corporacións municipais o 17 de xuño.