Aparecen pintadas ameazantes fronte o domicilio de Carme da Silva

PONTEVEDRA> Volveron a aparecer novas pintadas ameazantes fronte ao edificio da cabeza de lista do BNG ao Congreso dos Deputados. Carme da Silva denunciou esta mañá o feito e asegurou que a súa finalidade é claramente electoral.

Estas son as pintadas que apareceron esta mañá fronte ao edificio onde vive Carme da Silva. A cabeza de lista do BNG ás eleccións xerais cre que este suceso ten unha clara relación co inicio da campaña electoral.

Carme da Silva asegurou que, tal e como aconteceu coas pintadas ameazantes que apareceron o pasado mes de marzo fronte o seu domicilio, tampouco ten pensado denuncialas. Iso si, a candidata esixe que se aclare a súa autoría.

Baixo a mensaxe de “Atenta”, as pintadas conteñen un lazo de cor verde, xusto o símbolo que están utilizando os traballadores de Ence para defender a permanencia da fábrica en Lourizán. Sen embargo, os comités de empresa da pasteira desvinculáronse esta mañá destes actos vandálicos.