Margarita Dopico pide maior apoio institucional ás vítimas de violencia machista

PONTEVEDRA> Margarita Dopico tivo que enfrontarse ao asasinato do seu fillo no ano 2010 a mans da súa ex parella. Agora, ten que facer fronte a última sentenza xudicial sobre a denuncia que ela realizou por denegación de auxilio contra un membro da Garda Civil o día que se produciron os feitos. Margarita, xunto coa directora do Centro de Información á Muller, participou esta mañá nun acto co obxectivo de analizar o traballo que realizan os axentes da policía ante un caso de violencia de xénero.

Ela é Margarita Dopico. O seu fillo, de 14 meses, foi calcinado dentro dun coche pola súa ex parella o 2 de outubro de 2010. Agora, 9 anos máis tarde, Margarita non da crédito á última sentenza xudicial sobre a denuncia que ela interpuxo contra un membro da Garda Civil por denegación de auxilio o día que se produciron os feitos. Tras as ameazas que sufriu por parte do seu ex marido, dicindo que non volvería a saber nada do seu fillo, Margarita acudiu ao cuartel para pedir axuda.

Margarita foi ao cuartel ata en tres ocasións no mesmo día. Sen embargo, o xuíz determinou que non transmitiu a gravidade e o risco ao axente do que horas máis tarde aconteceu.

Margarita mostrou esta mañá a súa indignación tras a sentenza que absolveu ao membro da Garda Civil e asegurou que tomará as medidas necesarias para que o que ela viviu non se volva a repetir.

Esta é a historia de Margarita pero tamén doutras moitas mulleres que loitan cada día para conseguir maior apoio institucional ante unha situación de violencia machista.