Diversidade de opinións co novo proxecto da rúa Echegaray

PONTEVEDRA> Outra das obras que se levará a cabo nos vindeiros meses son as da rúa Echegaray. Aínda que o Concello esperaba comezar o proxecto a finais do verán, tras a reunión que mantivo o goberno local cos veciños e comerciantes para informar sobre o proxecto, entre todos acordaron adiantalo para o mes de xuño.

A rúa Echegaray será reformada nos vindeiros meses co obxectivo de adaptar esta zona ao resto do modelo urbano. Manteranse as dúas liñas de estacionamento, ampliaranse as beirarrúas e cambiarase a rede de saneamento, de augas pluviais e a canalización eléctrica. O Concello mantivo unha reunión cos comerciantes e veciños nos últimos días para informar sobre o proxecto e parece que todos están de acordo coa necesidade de reformar canto antes o vial.

Os comerciantes cren que é importante modernizar a zona pero non todos están de acordo co proxecto presentado polo goberno municipal.

Os veciños e comerciantes acordaron co Concello que as obras comezarán entre finais de maio e principios de xuño. O proxecto está valorado en preto de 700.000 euros.