Unanimidade na loita contra o coronavirus no primeiro pleno telemático da Deputación de Pontevedra

PONTEVEDRA> A Deputación de Pontevedra celebrou hoxe o seu primeiro pleno telemático. Na sesión deuse luz verde por unanimiadade ás novas medidas para palia-la crise do coronavirus. A oposición apoiu tódalas iniciativas do executivo provincial. O líder do PP indicou que nestes momentos, toda a provincia debe camiñar na mesma dirección para loitar contra a pandemia.

A Deputación de Pontevedra celebrou esta mañá o seu primeiro pleno telemático. Os membros da corporación gardaron un minuto de silencio, en recordo das vítimas do coronavirus e como mostra de apoio ás persoas que están a sufri-la doenza.

A presidenta provincial tivo palabras de apoio para eles e tamén de recoñecemento para todos os que están a traballar nestes momentos complicados. Entre eles, salientou o labor de todo o persoal da institución por mantela en marcha, malia o estado de alarma. Por suposto, tamén puxo en valor o papel dos sanitarios.

O líder do grupo popular apuntou que nestes momentos toda a sociedade debe remar unida na mesma dirección. Jorge Cubela apoiou as palabras de Carmela Silva. Dixo que hoxe tamén é a súa presidenta.

A socialista quixo recoñece-lo xesto dos populares. Indicou que mensaxes como a de hoxe quedarán marcadas na historia de como a institución provincial soubo estar á altura nestes momentos difíciles.

Ademais das referencias á crise sanitaria e da aprobación de asuntos ordinarios, na sesión desta mañá tomou posesión como deputada a socialista Ana María Mejías, en substitución de Isaura Abelairas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí