O Concello prorroga 3 anos máis o contrato de lixo e limpeza

Pontevedra> O contrato para a recollida do lixo e limpeza en Pontevedra prorrogarase por 3 anos máis. Durante este tempo renovaranse os medios materiais e equipos deteriorados, e analizaranse os cambios normativos que condicionarán o prego do seguinte contrato.

Cespa renovará por tres anos máis a concesión para a recollida selectiva en orixe, transporte de residuos, limpeza viaria, desratización e desinfección e limpeza das dependencias municipais. Neste período, a empresa terá que facerse cargo da renovación do material e equipos asociados á recollida de residuos. Segundo os servizos técnicos do concello precisaríase cambiar 3 camións de recollida, un furgón hidrolimpador, 3 varredoras, 2 baldeadoras e 515 contenedores. CESPA terá seis meses dende a entrada en vigor mañá da nova prórroga, para incorporar os novos materiais, que suporán unha inversión de aproximadamente millón e medio de euros. Este custo terá  que ser asumido pola concesionaria, sen supor nunca un incremento no canon do lixo.

O motivo de que a prórroga se amplíe a un trienio é que se está a afrontar un cambio normativo sobre a economía de residuos que afectaría ó próximo contrato.

Ademais de para analizar os cambios normativos, o concello empregará estes tres anos para avaliar o funcionamento da compostaxe comunitaria e despregar a compostaxe individual.