Veciños e visitantes ateigan Combarro para vivir o Día de Colón

POIO> Poio viaxou esta fin de semana ao pasado coa Festa de Colón. O municipio reivindicou a teoría da orixe galega do navegante con moito ambiente e animación polas rúas de Combarro. Unha cita que serve ademais para dinamizar social e economicamente o concello, nunha cita que ano tras ano incrementa a participación de veciñanza e visitantes.

A chegada de Cristóbal Colón e da súa tripulación sobre a nao Santa María deron o tiro de saída ao Día de Colón en Poio. Dous días de festa coas rúas de Combarro totalmente engalanadas e ateigadas de veciñanza e visitantes. Unha cita que ademais cada vez conta con máis implicación por parte do tecido asociativo de Poio.

O ambiente medieval encheu Combarro de xente nas dúas xornadas da festa. Un evento que reivindica a teoría da orixe galega do navegante e que para a economía local supón un gran revulsivo en tempada baixa. Así, a celebración deixa un impacto máis que positivo na economía da zona, con establecementos completos.

Bailes medievais, animacións musicais polas rúas, propostas infantís, tiro con arco, exhibicións de cetrería e esgrima medieval ou unha xusta medieval son algunhas das variadas propostas que lle deron forma á programación desta edición.

Mundo Nores, fundador de Vides Novas e unha das persoas que participaron e se implicaron desde os inicios da celebración do Día de Colón, foi o encargado de dar lectura ao pregón.