Ambar celebrará este domingo a ‘V Carreira pola Diversidade’

RIBEIRA> Á falla aínda de varios días para o peche das inscricións, o número de participantes sitúase ó redor dos 150 atletas sumando tódalas categorías. Unha cifra que dende a organización pretenden que vaia en aumento.

Por quinto ano consecutivo, e tendo en conta o éxito das edicións anteriores, a asociación Ambar volve a organizar a Carreira pola Diversidade. A proba terá lugar este próximo domingo 14 de xullo a partir das dez e media da mañá no entorno de Coroso. Con ela pretendese facer visible a práctica deportiva das persoas con diversidade funcional, e mostrar o papel do deporte como ferramenta de inclusión social real.

Haberá cinco categorías: zapatilla absoluta, que será a modalidade federada, cunha distancia de cinco quilómetros, zapatilla inclusiva, handbike, cadeira de atletismo e probas infantís.

A inscrición na proba, cun custe de seis euros, poderá facerse ata o xoves a través da web: www.carreirasgalegas.com. Ademais todos aqueles que non poidan participar e desexen colaborar poderán facelo co “Dorsal 0”.