O PP sonense apóiase no traballo feito coma o mellor aval para revalidar a alcaldía

PORTO DO SON> O PP de Porto do Son elixiu esta fin de semana para presentar a súa candidatura ás eleccións municipais que volverá a estar encabezada por Luis Oujo.

Os populares sonenses presentaron esta fin de semana a candidatura ás municipais encabezada polo alcalde Luis Oujo. Segundo o actual mandatario, os logros acadados durante os catro últimos anos de mandato constitúen o mellor aval ante a cidadanía para lograr novamente o seu apoio maioritario. O candidato contou, neste acto de presentación celebrado na casa da cultura, co apoio do secretario provincial, Diego Calvo, quen presentou o proxecto popular como o único que pode xerar confianza entre os veciños de Porto do Son. Durante o acto, Luís Oujo deu a coñecer tamén o nome dos integrantes da lista que lle acompañarán nesta carreira cara ás urnas. Repiten nos primeiros postos algunhas das súas persoas de confianza como María Maneiro ou Manel Dean. Os populares sonenses non foron os únicos en elixir esta fin de semana para presentar candidatura. Fixeron o propio na Pobra cun acto no que Manuel Durán deu a coñecer os membros da súa lista. En Noia está previsto que hoxe Santiago Freire anuncie tamén os integrantes da súa candidatura.