O luns preséntase en sociedade o novo presidente do Vilalonga

futbol250_290509.jpgSANXENXO> No Vilalonga xa hai novo presidente, despois da xuntanza mantida onte entre a directiva saínte e a nova. No seo do club aínda non queren facer público o nome do novo mandatario, farano o luns, pero todo está prácticamente atado.

O Vilalonga ten novo presidente. Trátase dun coñecido empresario da zona que chegará cun equipo de cinco persoas, xóvenes, que segundo din, pretenden levar a cabo un proxecto serio, no económico e no deportivo.

Aínda non quixeron facer públicos os nomes dos que serán os máximos responsables do conxunto celeste a temporada que ven. Faltan uns pequenos flecos por pechar e por iso queren agardar ata o luns.

Media ducia dos anteriores directivos quedaranse durante os vindeiros meses asumindo responsabilidades no club e axudando a que a transición sexa máis levadeira.

O organigrama do Vilalonga prepárase por tanto para unha remodelación. A idea do presidente é dividir a cúpula directiva en cinco módulos e repartir responsabilidades para que diferentes persoas se encarguen de cada unha desas áreas.

Outra das consignas será recuperar á xente da casa. A intención para a 2009-2010 é facer un equipo no que os xogadores da zona asuman protagonismo, co obxectivo de crear un maior vínculo sentimental coa afección.

A semana que ven comezarán as conversas co equipo técnico e plantel deste ano para ir adiantando as posibles renovacións e marchas do equipo para a vindeira temporada.

Por outra banda, no Céltiga, o presidente Manuel Martiñán reúnese esta noite con Josiño Abalde para tratar a posible continuidade durante un curso máis no banquiño do Salvador Otero.

Redacción Salnés