Cambados celebra o éxito das Xornadas da Ostra con máis 3.000 unidades vendidas

CAMBADOS> As Xornadas da Ostra deixaron un bo sabor de boca en Cambados. Os organizadores fixeron hoxe balance, cunhas cifras que demostran o éxito desta primeira convocatoria. En dous días vendéronse máis de 3.000 ostras, co obxectivo de recadar fondos para o Club Juventud Cambados.

Éxito rotundo das primeiras xornadas da ostra de Cambados. Durante a fin de semana pasada, máis dunha ducia de locais hostaleiros da Rúa Real, Praza de Rodas e Alfredo Brañas superaron as 3.000 unidades vendidas.

As ostras vendéronse a prezos populares e parte do recadado destinarase a axudar ao Club Juventud. Tamén dende a entidade agradecían a iniciativa.

Dende o concello celebran a acollida que tiveron estas xornadas. Tanto é así que a súa intención é repetilas no tempo, desta volta dirixidas a axudar a outros colectivos da vila.

Ademais da parte gastronómica, as xornadas estiveron animadas polas actuacións dos grupos de música tradicional de Cambados Xironsa e Volandeira.