O BNG de Poio revitalizará a parroquia de San Salvador cun skatepark no peirao da Barca

POIO> Converter o peirao da Barca nunha zona de skate para os mozos. Esta é unha das actuacións que o BNG de Poio ten previsto realizar na parroquia de San Salvador. Unha proposta moi demandada pola xuventude e que Luciano Sobral está convencido que poderán levar a cabo no vindeiro mandato.

O BNG de Poio quere converter a parroquia de San Salvador nun entorno agradable para os veciños. Para conseguilo, o primeiro que propoñen é reconverter o peirao da Barca nun espazo onde os mozos e mozas poidan practicar skate.

Outra das propostas dos nacionalistas en materia de infraestruturas é a urbanización das avenidas da Barca, de Antelo Mariño e da Porteliña.

A Caeira tamén é un das zonas claves do proxecto do BNG de Poio. O grupo local quere abrir un novo vial, crear un parque público na parcela municipal e construír un local social para os veciños.

O BNG asegura que estes proxectos xa están moi avanzados e Luciano Sobral móstrase convencido de que se farán realidade no vindeiro mandato.