MUROS> Outro dos concellos nos que a composición do futuro goberno parece máis incerta é Muros. Neste municipio son varias tamén as opcións que se presentan para facerse co bastón de mando. As discrepancias existentes entre Partido Socialista e Compromiso por Galicia podería abrir as portas do Concello ao Partido Popular, que foi ademais a forza máis votada.
A pesar de ser a forza máis votada nas eleccións do pasado domingo, o Partido Popular, con catro edís, non conseguiu os respaldos necesarios para poder gobernar en solitario, con maioría absoluta, e deberá chegar a acordo con outras formacións para facerse coa alcaldía. Por iso a súa candidata, Inés Monteagudo valora de xeito agridoce estes resultados.
Inés Monteagudo, considera que o seu grupo, coma lista máis votada, ten a responsabilidade de formar goberno ou polo menos de intentalo. Neste sentido aludiu a súa intención de sentarse a falar con tódalas formacións, sen excepcións, na busca de mellorar a gobernabilidade do Concello.