Somos Cambados defenderá ‘por todos os medios’ os resultados do 26M

CAMBADOS> Somos Cambados contraataca. A formación asegura que vai defender por tódolos medios os resultados electorais do domingo, que lle outorgaron á formación unha terceira representante. Unha acta que agora podería estar no aire se a Xunta Electoral Provincial dá por válidas as papelatas recladas polo PP. A formación de Luis Aragunde precisa 9 votos para facerse co seu oitavo concelleiro. Dende Somos calculan que unicamente lles van dar por bos dúas papeletas.

Para Somos Cambados a reclamación do Partido Popular só persegue un obxectivo: a supervivencia política de Luis Aragunde. Dende a formación aseguran que van defender con uñas e dentes os resultados do pasado domingo.

Somos Cambados non entende como o Partido Popular reclama a validez dunhas papeletas que, segundo din, claramente son nulas. Algunhas estaban esnaquizadas, outras tachadas e algunhas mesmo con insultos ó PP e ó seu líder. Os populares tamén vai reclamar papeletas ó seu favor das eleccións europeas pero introducidas no sobre e na urna das municipais. Dende Somos contraatacarán reclamando tamén para o seu favor unha papeleta de En Marea declarada nula.

Se finalmente a representación do pleno queda como está, dende Somos son partidarios de iniciar canto antes conversas para a creación dun goberno de esquerdas. Recoñecen que houbo erros nos últimos catro anos que cómpre corrixir, pero que iso non debe ser impedimento para artellar un goberno alternativo ó PP.